xoves, 27 de agosto de 2026

Mobilidade de grupo: Francavila Fontana (Italia)

Diario da mobilidade de grupo a Italia:
Día 1
Pola mañá, xuntámonos para comezar a nosa viaxe do Erasmus+. Ás 11:00 collemos un tren que nos levou ata Madrid, onde tiñamos que coller o avión que nos levaría a Italia. Durante a viaxe fomos falando entre nós, comentando como sería a experiencia e con moitas ganas de chegar ao destino.


Despois de chegar ao aeroporto e facer os trámites necesarios, collemos o avión rumbo a Italia. Foi un momento moi emocionante porque por fin comezaba esta experiencia que levabamos tanto tempo esperando.

Xa pola noite, arredor das 23:30, as familias italianas viñeron recollernos para levarnos ás súas casas. Foi o primeiro encontro cos nosos correspondentes e coas súas familias, un momento importante para empezar a coñecernos mellor e comezar a convivencia durante esta semana.

Foi un día longo de viaxe, pero tamén o inicio dunha experiencia nova que todos estabamos desexando vivir.

Feito por Daniela, Sabela e María 





Día 2
Pola mañá, ás 8:00 h, os alumnos asistiron á súa primeira hora de clases normais no instituto. Foi unha boa oportunidade para ver como estudan os alumnos italianos e vivir unha lección escolar típica.
Despois diso, fixemos un percorrido completo polo centro. Durante a visita, puidemos ver diferentes aulas, instalacións e zonas do instituto, mentres aprendiamos máis sobre como funciona a escola e que fan os estudantes alí cada día.
Arredor das 12:00 h, fomos de excursión pola cidade de Francavilla. Camiñamos polas rúas e descubrimos algúns lugares interesantes da vila mentres gozabamos do ambiente e pasabamos tempo xuntos.
Pola tarde, a maioría dee nós fomos ver un torneo de fútbol escolar. Foi un momento divertido no que puidemos apoiar aos equipos e gozar do deporte cos outros alumnos.
Pola noite, a maioría cenamos xuntos e máis tarde reunímonos na praza da vila. Pasamos o tempo alí falando,rindo e gozando da noite en boa compañía.
Gael, Matias and Alex

Día 3
Esta mañá déronnos tempo libre para organizarnos, descansar un pouco e preparar o plan do día.
Ese tempo foi estupendo para adaptarnos mellor aos seus costumes e horarios, así como para pasar tempo coas nosas familias de acollida.
Á hora de xantar comezamos a pasar o día con eles. Todos fixeron plans diferentes: algúns quedaron na cidade coas familias como en Puglia e outros aproveitaron para saír e visitar outras cidades próximas como Tarento.
Moitos de nós fomos a restaurantes para probar comida típica italiana en Lecce, compartir experiencias con eles e gozar das paisaxes.
Despois de pasar case toda a tarde coas nosas familias, sobre as 8:30 españois e italianos reunímonos en San Marzzano para pasar tempo xuntos.
Hoxe foi un día aparentemente tranquilo pero tamén importante porque puidemos estreitar os nosos lazos con eles, coñecer os seus costumes, probar os seus pratos tradicionais e aprender como é a vida aquí. Pouco a pouco estamos integrándonos no seu entorno e adaptándonos ao contorno.

Escrito por Sofía, Paula e Zaida.


Día 4
Hoxe comezamos o día levantándonos cedo para ir á escola. Alí reunímonos todos os estudantes que participamos no Erasmus e, despois de organizarnos, subimos ao autobús para dirixirnos a Matera, unha cidade moi turística de Italia. Durante a mañá percorremos a cidade acompañados por un guía que explicaba moi ben a historia e as curiosidades do lugar. Camiñamos por diferentes rúas e vimos varios monumentos, miradoiros e zonas importantes da cidade, desde onde había vistas moi bonitas.

A metade do percorrido fixemos un pequeno descanso no que todos comemos algo e aproveitamos para falar e descansar un pouco. Despois continuamos a visita guiada e seguimos descubrindo máis recunchos interesantes de Matera. Cando terminou a ruta, tivemos un tempo libre para pasear pola cidade pola nosa conta. Algúns compañeiros sentáronse en bares locais para tomar algo e outros aproveitaron para comprar algúns recordos.

Arredor das tres e media da tarde volvemos subir ao autobús para regresar á escola. Unha vez alí, cada un volveu para a súa casa. Máis tarde, pola tarde, algúns compañeiros xuntáronse na casa dun deles para pasar o tempo xuntos, mentres que outros preferiron descansar ou facer outras actividades. Foi un día moi interesante no que puidemos coñecer unha cidade nova e compartir tempo con todos os compañeiros do Erasmus.

Thelma and Scharlin

Día 5
Pola mañá, ás 8:00 h, espertamos e fomos ao instituto para comezar a xornada. Unha vez alí, os alumnos españois participamos nunha actividade creativa na que deseñamos os nosos propios marcapáxinas personalizados. Moitos deles estaban inspirados en elementos característicos de Italia, o que fixo a actividade aínda máis interesante e divertida.

Despois diso, asistimos a unha clase xunto cos nosos compañeiros de intercambio, o que nos permitiu seguir coñecendo mellor o seu día a día no instituto. Ao rematar a clase, comezamos coas presentacións que tiñamos preparadas, nas que falamos sobre diferentes aspectos da cultura ourensá e galega. Foi unha boa oportunidade para compartir as nosas tradicións e costumes cos demais.

Ao mediodía, regresamos ás nosas casas para xantar e descansar un pouco. Pola tarde, ás 15:30 h, volvemos ao instituto, concretamente ao pavillón deportivo, onde practicamos distintos deportes e xogamos ao voleibol, pasando un tempo moi entretido e activo xuntos.

Foi un día completo no que combinamos creatividade, aprendizaxe e deporte, fortalecendo tamén a convivencia entre todos nós.

Escrito por Nico, Brais e Guillermo.

Día 6
Hoxe foi o penúltimo día do Erasmus, pola mañá tivemos clase como de costume. Algúns tiveron inglés outros filosofía, exame ou química. Despois das primeiras clases tivemos un pequeno descanso para comer algo e descansar. A continuación volvemos a clase a facer unhas presentacións para amosarlles ós italianos parte da nosa cultura. Cando rematamos as clases fomos comer, algúns a casa e outros a un restaurante ou bar. Cando deron as 14:15 collemos un bus camiño Taranto, unha cidade fermosa. En Taranto visitamos o museo arqueolóxico, no que vimos numerosas esculturas, xarróns, moitísima xoiería e incluso unha tumba cun esqueleto no interior. A pesar de que a rapaza que está a facer o tour guiado falaba italiano entendíase bastante ben e aprendimos cousas como que Taranto foi fundada no século XII. Tamén tivemos unha fermosa vista do mar e paramos a mercar algo de merendar a unha pastelería fermosa. Antes de marchar mercamos uns souvenirs e fixemos as últimas fotos, xa na casa preparámonos e marchamos cara un restaurante a cear. Por último preparamos as maletas para mañá.

Olalla, Lucía e Valentina

Día 7
Hoxe foi un día triste e moi emocional. Pola mañá, reunímonos todos nun punto de encontro para despedirnos dos nosos compañeiros e subir no autobús camiño ao aeroporto. A despedida estivo cargada de bágoas e moitas apertas, aínda que foi difícil, a nosa experiencia chegou ó final. Despois de aterrizar en Madrid fomos a estación de tren onde, tras 3 horas de espera, collimos o tren cara Ourense. Foi unha viaxe longa cargada de morriña e moita pena, pero tamén chea de historias e momentos que contar.
Pola noite, arredor das 21.30 reunímonos cosas nosas respectivas familias despois de 7 días sen velos.
En resumo, está viaxe foi unha experiencia maravillosa para todos e grazas a ela puidemos aprender moito sobre Italia e a súa cultura, sobre os nosos compañeiros, sobre a nosa independencia e sobre a convivencia con outras persoas.
Definitivamente nunca olvidaremos esta viaxe nin ao os nosos novos amigos.

Sofía Dieguez y Antía

Aquí tendes o enlace aos traballos do alumnado participante nesta mobilidade: